A Coordinadora quere, nesta convocatoria, denunciar o proceso de deslocalización, os despedimentos nulos e a precariedade absoluta que se dan no sector da Atención ao Cliente.

O primeiro de maio é o día por excelencia para poñer de manifesto as reivindicacións dos traballadores. Nesta situación de loita e conflito no sector do Telemarketing, a Coordinadora invita aos traballadores do sector a saír á rúa nesta data sinalada para reivindicar os seus dereitos e denunciar unha vez máis a súa situación. A Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarketing nace coa idea de denunciar a indefensión dos traballadores do sector respecto á deslocalización masiva dos servizos de Atención ao Cliente por parte das operadoras de telefonía maioritarias, coma medio de expresión dos propios traballadores, que defenden os seus postos de traballo e o dereito á intimidade dos clientes.

A globalización maniféstase pola deslocalización de certos procesos de produción. Unha das mostras é a deslocalización no sector do telemarketing, onde todas as operadoras deslocalizan os seus servizos de Atención ó Cliente a países con mercados laborais menos regulados e custos salariais moito máis baixos. Os máis de 8.000 postos de traballo en Galicia están afectados por este proceso e polos despedimentos masivos que o peche de campañas carrexan, baixo a escusa da baixada dos fluxos de chamadas.

Entre 2006 e 2007 producíronse máis de 3000 despedimentos no sector. A campaña de Jazztel na Coruña e Madrid despediu a máis de 800 traballadores de Emergia, Stream, Teleperformance e AGM. O mesmo sucedeu en Asturias, onde desapareceron 252 postos de traballo na campaña de Amena de Teletech. ONO trasladou o seu servizo a Chile, despedindo a 472 traballadores de Sevilla, Barcelona, Lugo, Vigo e Madrid. Porén a cifra máis sorprendente está en Telefónica- Atento (1004, Móviles…) sumando dende 2006 máis de 1.600 despedimentos na Coruña, Valencia, Córdoba, Sevilla, Madrid, Barcelona, Cáceres…

Este tipo de despedimentos, como xa se recoñeceu xudicialmente o ano pasado en Barcelona, son nulos. Non hai unha baixada real do fluxo de chamadas, nin un fin de obra, que son as escusas esgrimidas por operadoras como Telefónica e Jazztel. Os traballadores manteñen o seu dereito ao seu posto de traballo sen perder os beneficios adquiridos por antigüidade na empresa. Así, a readmisión dos compañeiros de Atento é innegociable.

Os despedimentos frearon as negociacións do convenio, xa que ninguén pode negociar coas mans atadas. A Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarketing solicita a prioridade para a solución do problema dos despedimentos antes de seguir as negociacións. Ademais, o convenio debe reflectir o problema da deslocalización e a precariedade do sector, tanto mellorando os tipos de contrato, coma a estabilidade e as condicións de saúde laboral dos traballadores. Unha profesionalización do sector e a visibilidade do teleoperador como traballador da empresa matriz son esenciais.

A Coordinadora Unitaria dos Traballadores do Telemarketing lembra o seu lema: “En contra da deslocalización dos servizos de atención ao cliente e pola protección de datos dos seus usuarios” e reitera os puntos clave da mobilización actual:

  • NON Á DESLOCALIZACIÓN

  • NON MÁIS DESPEDIMENTOS

  • READMISIÓN DOS DESPEDIDOS

Por todos estes motivos, a Coordinadora Unitaria dos Traballadores do Telemarketing invita a tódolos traballadores do sector e aos usuarios concernidos a participar o día 1 de maio, dentro da manifestación convocada por CIG que comezará ás 12 do mediodía na Praza de Vigo.

Coordinadora Unitaria Traballadores do Telemarketing - 25 abril de 2007